sábado, 28 de febrero de 2009

¿A GANDEIRIA DO FUTURO?

Como xa deixamos ben claro en antigos post, a produción de orixe animal que temos hoxe en día, non é para nada correcta nin propia dunha civilización desenrolada, que en teoría debería ter certos valores éticos. Non podendo chegar a ser perdurable no tempo, por ser autodestructiva co entorno e cos propios animais, ademais; os alimentos que se producen tampouco son por norma xeral todo o sans que deberían ser...
A crise alimentaria, sanitaria, medio ambiental e sociolóxica da nosa sociedade e en especial do noso medio rural, denunciadas reiteradamente e amplamente apoiadas por numerosos estudos realizados sobre o efecto negativo dos biocidas sobre a saúde humana e a natureza, xustifican suficientemente o avance da ciencia cara sistemas de produción que preserven a saúde, a través dunha alimentación sana, o coidado do medio natural e dos seus recursos renovables e da biodiversidade..
A gandería ecolóxica caracterizada por unha xestión sanitaria dos animais baseada en procedementos non químicos, terapias naturais e métodos agrobiozootécnicos de manexo que garanten a non contaminación das cadeas tróficas medio ambientais, e os alimentos de consumo humano, en onde as razas autóctonas xogan un importante papel cando se integran no medio natural, de forma autosuficiente, participando nos seus ciclos naturais, (enerxéticos, materia orgánica, etc.), maximizando a saúde e benestar do rebaño, dous parámetros decisivos na calidade e seguranza alimentaria que definen a tódolos produtos ecolóxicos gandeiros.

Non pretendemos dicir que a gandería ecolóxica sexa a solución a tódolos problemas desta sociedade pero si aporta o seu gran de area. Nunha época na que o rural esta sufrindo un grave abandono, onde os nosos montes están cheos de mato e deteriorados por practicas abusivas. Unha carga gandeira axeitada, dentro dos terminos da gandería ecolóxica, podería ser beneficioso para recuperar a biodiversidade dos montes ademais de proporcionar alimentos saudables para a sociedade, e os animais terían unha vida moito mais digna. Pero a gandería ecolóxica non so abrangue a produción de carne, senón que calquera outra produción que saia dos animais.
Podemos definir a gandería ecolóxica como un modelo moderno de desenvolvemento sustentable, que integra ó sistema tradicional gandeiro e introduce modernas técnicas zootécnicas, de aí a importancia da investigación e a súa planificación. Neste sentido, son sistemas moi conexionados co ecosistema e constitúen a base dos mesmos; as explotacións extensivas e semiextensivas de carne/leite/ovos, apicultura, acuicultura e outras, non entrando neste contexto a produción intensiva.
Baixo esta concepción pecuaria, é unha actividade ligada á terra onde é fundamental a máxima integración da granxa pecuaria ecolóxica nos sistemas agrícola e silvopastorais tradicionais, e que os animais teñan acceso o maior tempo posible, ós pastos e espazos ó aire libre, sendo compatíbel a estabulación temporal, dependendo do estado fisiolóxico, tipo de cría, clima, etc. para protexer das inclemencias climáticas, por razóns de saúde, benestar, con uns espazos mínimos por animal regulamentados en todas as construcións en función das especies animais.
Os animais do rebaño ecolóxico deben contribuír a mellorar o chan, a biodiversidade, conservación do entorno, garantindo a calidade alimentaria, sanitaria,... Un dos grandes obxectivos da xestión e importancia da utilización de recursos autóctonos e variedades locais, ó ser as que mellores potencialidades bioecolóxicas ofrecen respecto ó ambiente, adaptación, instinto maternal, de conservación, reprodución e cría sustenble, así como resistencia a enfermidades endémicas e zootécnicas fronte a razas foráneas problemáticas no sanitario e menos produtivas.

En xeral a zootecnia ecolóxica aplica un manexo agroecolóxico e pecuario racional, adaptado ás especies e razas gandeiras, cunha cría convencional, nunca forzada, respetando ó máximo o comportamento fisiolóxico do animal.
As técnicas ecolóxicas implican axustar estritamente a densidade gandeira e presión de pastoreo a tipoloxía dos sistemas, para evitar a erosión, compactación, contaminación nitroxenada, biótica, deterioro da paisaxe, perdida de biodiversidade e problemas sanitarios, tendo sempre presente as cargas máximas regulamentadas, que sempre deben axustarse á realidade do medio no que están.
Os principios de nutrición ecolóxica levan aparellados unha alimentación non forzada e auga de calidade, axustada ás distintas etapas fisiolóxicas dos ciclos de cría, con materias primas procedentes da agricultura ecolóxica. Neste ámbito, a alimentación maioritaria estará constituída por recursos naturais, pastos e forraxes, debendo constituír estes últimos nos herbívoros alomenos o 60% da materia seca da ración (50% nos tres primeiros meses da produción leiteira) e un máximo do 40% de concentrados ecolóxicos. A diferenza, en aves de carne en fase de engorde a dieta terá un mínimo de 65% de mestura de cereais, proteaginosas e oleaginosas. A trashumáncia como elemento pastoril é compatíbel co espírito da gandería ecolóxica. O manexo alimentario permite, para previr deficiencias, o uso de vitaminas, minerais e microorganismos autorizados e naturais, sen embargo están prohibidos as estimuladores de medra, pensos medicados, hormonas, materias primas transxénicas e os seus derivados.
A reprodución tampouco non será forzada e aplicaranse métodos naturais de fecundación, estando permitida a inseminación artificial pero non a sincronización química de partos, nen transplantes de embrións.
A lactación será regulada, con leite natural para asegurar a inxestión integra de inmunoglobulinas durante uns períodos mínimos; ovino-caprino: 45 días; bovino: 90 días; porcino 55 días; coellos: 30 días; estando prohibida a utilización de lactoremplazantes.
O manexo do agrosistema implica a non utilización de biocidas de síntese química e queimas de residuos, sendo moi importante para non contaminar o territorio o reciclaxe de residuos gandeiros sólidos e líquidos, elaborando adecuados compostados antes do seu esparexemento, e incrementando os abonos orgánicas fronte os fertilizantes químicos, aínda que, ante alteracións contrastadas da fertilidade do chan, se poden autorizar estrumes inorgánicos elaborados e certificados baixo as técnicas de produción ecolóxica.
A xestión sanitaria é o grande cabalo de batalla en gandería ecolóxica; a base e o obxectivo do modelo ecolóxico, é manter a saúde a toda costa, e garantir o benestar animal, como principio básico para obter producións de alta calidade. Neste contexto, os programas sanitarios susténtanse nunha medicina preventiva e control dos procesos fisiopatolóxicos.
Os fundamentos sanitarios implican unha prohibición dos tratamentos de síntese química preventivos (bolos antiparasitarios, implantes cutáneos, pensos medicamentados, ...), sendo obrigatorio o estabelecemento dun período de espera o dobre de longo respecto ó do medicamento convencional veterinario, para que os organismos depuren os restos dos tratamentos antes de por os produtos a venda.
Sen embargo o control de patoloxías debe realizarse con un manexo sanitario do agrosistema (rotacións, compostados, conservación de forraxes rastrillados de feces, alternativas de cultivo, etc.), e biozootécnico como é o pastoreo rotacional ou racional fronte o sobrepastoreo para darlle os animais, pastos limpos de parasitos ligados ao pasto.
A saúde e producións de calidade están moi conexionadas co benestar, e nesta materia o manexo debe implicar o maior respecto ás condutas, comportamentos das razas e integridade física dos animais. En efecto, están prohibidas as mutilacións con carácter sistemático (corte de rabos, orellas, anillado de porcino, corte de bicos e calquera outro trauma ou lesión), así como non é admisíbel atar permanentemente os animais ou metelos en cubículos, sendo básico previr o estres, aplicando manexos non agresivos, nin bruscos, sempre polo mesmo operario, á mesma hora, respectando as costumes dos animais, e mantendo unhas adecuadas condicións de habitabilidade e unhas dimensións nas estabulacións tanto en espazos pechados como ao aire libre.

Finalmente a bioseguridade, coas medidas correspondentes de hixiene, para previr a entrada de axentes bióticos, sendo necesario reconsiderar certas actuacións da sanidade administrativa actual, como é a recollida obrigatoria de cadáveres, sendo mellor habilitar comedeiros apropiados, e así favorecer o mantemento de algunhas poboacións silvestres, voitres e outros carnívoros, que hoxe ven ameazada a súa supervivencia por falta de animais mortos no medio natural.
En definitiva, o modelo ecolóxico gandeiro ten a capacidade, nun futuro próximo (esperemos), de cumprir os compromisos medio ambientais e alimentarios que tanto urxen, e que debemos exixir con mais forza nos próximos anos. Ademais, a gandería ecolóxica fomenta e estimula o asentamento de poboación no medio rural, así como combinada ca agricultura ecolóxica axuda a creación de comunidades autosuficientes. Tamén é a que mellor responde ós obxectivos do desenvolvemento sustenble, e conservación do patrimonio biolóxico e cultural de cada rexión, que en realidade é o mellor legado que deberiamos transmitir as futuras xeracións.

0 comentarios:

 
Ás Raices - © 2007 Template feito por Templates para Você